Monday 29 de April de 2024

O Pleno municipal de Moeche aproba por unanimidade a distribución dos fondos do POS+


Son 221.000 euros para investimentos, gasto corrente e servizos sociais, máis outros 161.500 euros en proxectos que se agardan executar con futuros plans adicionais da Deputación

O Concello celebrou este mediodía unha sesión plenaria para votar a distribución dos fondos asignados a Moeche dentro do Plan Único provincial para esta anualidade. Son un total de 221.000 euros que se destinarán tanto á reparación de pistas como a compensar o incremento do gasto corrente motivado pola alza de prezos. Unha contía á que hai que engadirlle outros 35.500 euros do primeiro plan adicional de 2024 -o coñecido como POS Social- dirixido á ampliación do SAF e a outros programas de benestar. Ademais, no pleno tamén se aprobaron xa os proxectos do Plan Complementario susceptibles de ser executados máis adiante, a medida que a Deputación xere novas partidas económicas para levalos a cabo. O Goberno local definiu neste apartado dúas actuacións cun valor conxunto de 161.500 euros de cara a ampliar a rede de abastecemento municipal e continuar mellorando a rede viaria.

O POS+ da Deputación da Coruña estrutúrase en tres apartados fixos: a Achega 2023 -dotada con 96.534,29 euros-, a Achega 2024 -outros 124.478,43€-, e o Plan Adicional 01/2023 -o POS Social-, que ten adxudicados 35.565,25 euros.

No caso deste primeiro plan adicional do ano, o Concello dedicará 11.000 euros ao financiamento dos Servizos Sociais municipais, aínda que a maior partida -19.365,27€- dedicarase, un ano máis, a reforzar o Servizo de Axuda no Fogar. Os 6.000 euros restantes até completar a achega provincial irán parar a partes iguais a complementar os fondos municipais para emerxencia social e axudas ás familias.

En canto a investimentos, a distribución do POS+ aprobada hoxe por unanimidade no Pleno municipal prevé dedicar os algo máis de 96.500 euros da achega 2023 á formación dun novo tramo de beirarrúas na zona de Sete Pontes, en Abade -cun custe orzamentado en 40.000 euros-, e á pavimentación e mellora de pistas en Cardal, a Costa, San Ramón e Labacengos. Este último proxecto ascende a 56.943,73 euros, dos cales o Concello porá 409,44 de fondos propios.

Por outra banda, os fondos da Achega 2024 -os algo máis de 124.700 euros- aplicaranse a gasto corrente, co fin de cubrir os custes enerxéticos e do funcionamento de servizos básicos e esenciais como a iluminación pública ou a subministración de auga.

A maiores, dentro do Plan Complementario (o que agardará por máis fondos provinciais), na sesión tamén se deixaron aprobados outros dous proxectos de infraestruturas por un valor de 161.558,42 euros. Son o da nova rede de abastecemento de auga entre San Xiao, Barbelas e Bieiteiras, na parroquia de Labacengos, e a reparación da pista que vai desde As Barbelas até o Alto da Mina.

Tanto estas actuacións como aquelas que xa contan con financiamento “son de grande importancia para a veciñanza”, dixo a alcaldesa, Beatriz Bascoy, engadindo que todas elas responden “ao noso compromiso por seguir mellorando e ampliando as infraestruturas e servizos municipais”.